Cinemascope

Cine , Cartelera de Cine, Estrenos, Actores y Actrices

Ghobadi, Gervasio e as tartarugas



Bahman Ghobadi

Bahman Ghobadi decidiu rodar As tartarugas tamén voan en 2004 logo de ver como vivían os nenos na fronteira entre Irán e Turquía, vendendo as minas antipersoa que eles mesmos desactivaban. O director kurdo-iraní conviviu cos cativos e reflectiu o drama dos habitantes dunha vila que buscan desesperadamente unha antena parabólica para conseguir noticias sobre o inminente ataque de Estados Unidos a Iraq. Premiada coa Cuncha de Ouro no Festival de Cine de San Sebastián, a cinta non é só unha denuncia contra a situación que padecen estes nenos condenados a amputacións de mans e pernas para sobrevivir mentres os seus gobernos se enlean en conflitos bélicos. Tamén é unha crítica aos medios de comunicación occidentais que silencian o padecemento da infancia en zonas de guerra.

Lembrei esta película logo de ver a exposición que reúne os 25 anos de traballo do fotoxornalista Gervasio Sánchez que cubriu a maioría dos conflitos armados de Centroamérica, Europa e África. Nunha entrevista en TVE, este mestre desta profesión en horas baixas contaba como ten tirado moitas das súas imaxes logo de que estourase unha bomba tan preto que estivera a piques de matalo. Imaxes nas que, moitas veces e por desgracia, os protagonistas son os nenos, vítimas das minas antipersoa, os nenos orfos, os desposuídos, aqueles que non valen nin sequera unha imaxe de cámara.

Catro nenas no interior dunha furgoneta esnaquizada en Sarajevo (Bosnia-Herzegovina) en marzo de 1994/ Gervasio Sánchez

Catro nenas no interior dunha furgoneta esnaquizada en Sarajevo (Bosnia-Herzegovina) en marzo de 1994/ Gervasio Sánchez

Case tan asombrosa como a capacidade humana para facer dano é a capacidade humana para non velo“, di Antonio Muñoz Molina no prólogo do seu catálogo. Os propios medios de comunicación móstranse pouco interesados en difundir imaxes deste tipo porque non representan os seus intereses político-económicos. No que atinxe a nós non só somos observadores narcotizados. Á sociedade resúltalle quilométrica a dor allea. Xa o dicía Susan Sontag no seu maravilloso ensaio Ante el dolor de los demás: “Onde a xente se sente segura, sentirá indiferencia”.

Tamén o denunciou o fotoxornalista Gervasio Sánchez, na rolda de prensa na que presentou a súa exposición en Madrid, ao acusar aos medios de pasar de ser “os vixiantes do poder político e económico” aos seus “amigos máis privilexiados”. É evidente que a ningún medio nin a ningún país lle interesa a vida de Agrin (Avaz Latif) no filme de Ghobadi. Unha nena kurda violada polos soldados de Sadam Hussein que ten que levar ás súas costas o seu fillo ‘bastardo’ até que non pode máis. Nin a historia de ‘Satélite’ (Soran Ebrahim) que lidera o grupo de nenos e os protexe dos perigos.

Daría para moita discusión de política internacional o derradeiro plano do filme, no que os tanques do exército nortamericano entran na vila e vemos marchar os dous rapaces que collen rumbo a un fóra de campo moi revelador: aquel que ocupan os desherdados. Ése é o fóra de campo que non enfocan os medios de comunicación, para os que estes rapaces resultan invisibles. O propio Bahman Ghobadi denunciaba nunha entrevista que “as canles de televisión pertencen a grupos de intereses que consideran aos cidadáns do mundo como simples figurantes. Eles, coas súas cadeas e as súas guerras, úsannos como xoguetes e impóñennos a súa guerra sucia para gañar máis diñeiro. Dada a situación na que se atopa a nosa rexión e as súas repercusións no mundo enteiro, eu poño en dúbida calquera forma de información, incluso a prensa escrita!” E dado o panorama, cada vez estaremos menos informados e máis manipulados por grupos de presión. A clave está en recoñecelos e denuncialos, senón ningún esforzo valerá a pena.

Escriba un comentario