Cinemascope

Cine , Cartelera de Cine, Estrenos, Actores y Actrices

Dr. Strangelove, or how I learned to stop worrying and love the bomb (Stanley Kubrick)



p { margin-bottom: 0.21cm; }

Vale, xa sei que todos tendes visto esta pilícula, peeeeeero, é a que toca hoxe.
Que a estas alturas do conto aínda non trouxera nada de Kubrick xa vos estaba facendo desconfiar de se realmente eu sería un gafapasta de fiar ou non. Pero como a min, que levo unhas de metal, a gafapasta non me gaña nin dios, pois velaí tendes a que por moitos e variados motivos, é a miña pilícula favorita de entre as favoritas que fixo este home, que malia seren moitas, todo sexa dito, tamén pariu cousas execrables como a que lle deu nome ao combinado nacional holandés, comentario este último que podemos catalogar de rajada gafapástica.
Compre dicir que a primeira vez que vin esta pilícula, eu era un micho duns oito ou nove anos, e papeina dobrada ao castelán. Lémbrome coma se fose hoxe. Vina no programa aquel que presentaba Balbín, e que poderiamos considerar coma o precursor de Que grande es el cine pero sen Juan Manuel de Prada aos postres, o que supoño facía o debate moito menos desagradable aos ollos, ás orellas, e ao sentido común en xeral. La Clave, comezaba coa mítica imaxe das tres monas tapando orellas, boca e ollos, e agora mesmo estáseme a ocorrer que Garci podería ter feito uns créditos coa súa mona amordazada, pero como o que quería era falar da primeira vez que vin isto, pois teño que volver cara unha tarde noite de hai vinte e pico de anos, á volta de face-la compra no Coeba, que era algo así coma un Gadis que non chegou ver a entrada dos anos noventa, cando coñecín ao único ser uno y trino que había atopar na miña vida.
Entre nós, malia que sempre fun un neno precoz, daquela non comprendín un carallo, pero cando ao rematar Pa me dixo que Mandrake, o presidente, e mais o tollido da cadeira de rodas, eran a mesma persoa, quedei convencido de que meu pai parara tolo de todo, porque comezaba a soltar o mesmo tipo de andrómenas ca os meus compañeiros de clase cando me contaban o que aprenderan na catequese. E como queira que nas miñas orellas aínda resoaban os berros dun fulano domando unha bomba de hidróxeno, concluín que os maiores pararan tolos de todo.
Menos mal que non comprendera nada, porque se o chego entender como entendín a segunda vez que vin a pilícula, houbese berrado aquelo de “que pare o mundo que eu baixo”.
Pero que atravesadiño nos era o amigo Stanley, que non?
Un militar sofre unha crise paranoica que lle produce un brote patriótico (perdón polo pleonasmo) que lle leva a iniciar a terceira guerra mundial para preservar a pureza da súa esencia da fluorización comunista, un presidente dos EEUU que non se lambe, un nazi rehabilitado asesorando ao estado maior da defensa yanki sobre o devenir da raza humana… e a guerra fría aínda durou trinta anos mais despois deste sainete.
Se cadra hai quen pensa que ninguén se deu por aludido porque con semellante retranca enriba, non había quen tomase en serio a broma, malia estar filmada cunha sobriedade que mete medo, dende as imaxes no B-52, ata a espectacular posta en escena do departamento de guerra.
Pero non é o caso, porque ese mesmo ano Sidney Lumet filmou un guión semellante, aínda que moito mais escuro e apocalíptico, en Fail Safe, cun presidente yanki moito mais serio na pel de Henry Fonda dando toda unha lección sobre vítimas colaterais, e os donos do cortello, como quen escoitaba chover.
Unha risa.
Aínda que para risa, os comentarios en off que a produtora se viu obrigada a incluír ao comezo do flim, asegurando que nada do que a continuación ía pasar podería ter lugar na realidade.
Polo de agora, a realidade leva pasadas polo forro dúas de tres: presidentes yankis que non se lambían xa tivemos uns cantos, nazis rehabilitados no Pentágono, tamén, e como decida conseguir o pleno, volverémonos ver “don’t know when, don’t know how…”
Cun pouco de sorte, de aquí a finais de ano Irán proba a súa bomba atómica.
Ímolo pasar como ananos, xa veredes como si.
Esperando tan ansiado momento, podedes pasa-lo tempo vendo cousas como Broken Arrow, para que cando a alguén lle dea por premer o botón, non teñades morriña por abandonar o chiringuito.
Aínda que eu son mais de manter o bo humor ata o final, e case que vos recomendo que vexades o que vos trouxen hoxe, en versión orixinal, cousa importante, para partir as cachas con Peter Sellers procurando entrar en razón ao coronel Sterling Hayden (que está que o tira), procurando falar co premier soviético nun monólogo imposible, ou procurando manter a súa pluma nazi agochada mentres negocia con Gerge C. Scott (outro que tamén) un plan de repoboación masiva.
It’s not only possible, it’s essential.

Escriba un comentario