Cinemascope

Cine , Cartelera de Cine, Estrenos, Actores y Actrices

Wong Kar Wai que estás na terra (II): 2046



2046Wong Kar Wai descubriu o mundo a través das películas. Cando medrou, decidiu facer cine para falar deses individuos solitarios e incomunicados que medraran dentro del. En 2046 (2004), unha das máis fermosas obras de arte feitas neste século, o director chinés reflexiona sobre o tempo sen espazo ou o espazo sen tempo, un concepto revolucionario simbolizado nunha habitación de hotel inmóbil pola que pasa o amor sen quedarse ou un tren sempre en marcha no que o amor é imposible. A vida, vén a dicirnos o creador nado en Shangai, é unha cuestión de oportunidade. O amor, a soidade, a felicidade son momentos que hai que saber apreixar no tempo exacto ou senón é imposible regresar a eles. O efémero do tempo fai que o único que conservemos para seguir vivindo sexa a memoria que nos recorda o que deixamos de facer cando debiamos. De aí a dor de sabernos perdidos para sempre na creba do pasado.

No cine de Wong Kar Wai amar é tarefa imposible. Por iso os seus personaxes acaban perdidos en labirintos de soidades. Eis o fetichismo do director de Desexando amar ou Happy Together cos zapatos. Os seus movementos indícannos loucura, felicidade, paixón… símbolos de seres inmortais -como os androides que viaxan no tren de 2046- que son as mulleres. Neste filme todo é exceso: dende os saloucos dos amantes até o universo de cores -azuis, verdes, vermellos-. Os fóra de campo forman parte da experiencia pola que nos guía o narrador. Vivimos un caos visual fermoso e pracenteiro, coma se estivesemos instalados nun éxtase permanente. Porque a soidade non é vivida con desesperación senón coma un estado pracenteiro. Os personaxes padecen a insatisfacción permanente dos desexos incumpridosE asúmeno coa normalidade do infeliz.

20462046 é o título da novela que Chow escribe, é o ano dos recordos perdidos, o número de habitación na que adoitaba encontrarse coa Señorita Chan e o cuarto de hotel que quere alugar onde transcorren os seus encontros amorosos. 2046, di o director, é un estado mental ao que acudimos cando queremos recuperar o perdido. Poética e estilizada ao extremo, a película de Wong Kar Wai é unha experiencia sensorial. No fondo, un canto á liberdade de creación e á beleza dun mundo que o autor crea ao seu antollo: toda unha declaración vital e de intencións que non está mal recordar nestes tempos de peches e derivas. Desfrutádeo.

Escriba un comentario